24 de marzo de 2011

O símil do camión

Dixo o noso presidente, Francisco González, o día da Xunta Xeral de Accionistas, que o BBVA é como un camión enorme, como un tráiler que non para mentres vai adaptándose aos cambios aos que o somete as decisións do equipo directivo.
O símil do camión viña a ilustrar o magnífico traballo de implantación, sempre segundo o gran xefe, da tamén magnífica nova plataforma informática.

O certo é que aos traballadores e traballadoras do BBVA non nos poden vender ese conto nin en  3D : van instalando aplicacións, fan as probas e nada funciona.
De feito, o que en principio ía comezar a funcionar, primeiro a principios e logo a mediados de marzo, xa non se fará polo menos ata abril, e menos mal, porque a primeira idea era facer a implantación antes de que o persoal asistira ao curso de formación.

Iso si, a información, como vedes, é de primeira.

Convocan cursos de unha tarde a golpe de día 31, para que teñamos un recordo inesquecible do último xoves de inverno, tarde que, transporte incluído, en moitos casos vai superar o tempo legal de traballo: A cómo vai a hora extra no tráiler?

E está por ver se o día 31 funciona o sistema informático. Se funciona, será mal, que é como vai a finais de mes. A outra opción é que non vaia... Sobrecarga (habitual) de clientela, que sobrecarga o sistema e ou peta ou vai mal... cousiñas do tráiler.

En fin, que non imos avaliar se a nova plataforma é boa, mala ou regular, nin se nos vai solucionar problemas ou vainos dar dores de cabeza... máis que nada porque ninguén nola ensinou, pero o símil do camión... iso si que merece unha reflexión. E é que defende o noso presidente que é case épico o que tal facemos no BBVA, porque mentres conduce o tráiler con mestría, o noso equipo técnico cambia as rodas en marcha...

Pois ben, o tráiler si que para, claro que para, e máis dende que se asinou o acordo dos sábados, que para, seica, dous de cada sete días. Máis parado queda aínda dende que os sábados son inhábiles. Por qué non fan probas neses días? E se é preciso contar con persoal para probas piloto, que se negocien condicións compensatorias en tempo e cartos.

Por outra parte, que saibamos, e por moi ben conducido que estea o devandito camión, o máis probable segundo as leis da física, é que ao cambiar as rodas en marcha, o camión derrape e envorque… e coma sempre, as consecuencias as paga o persoal.

Está por ver o resultado final das innovacións tecnolóxicas e as súas consecuencias. Pero o que sabemos de seguro, é que o xeito en que se está a levar a cabo non dá máis que problemas a persoal e clientela. As veces, igual hai que parar o carro… ou o camión.



➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 110324 [.pdf • 28 Kb]


Ningún comentario: